Amorodo


Portada | Mapa web | Aviso legal | Accesibilidade



Fotografía dun insecto sobre unha flor.

Que é o proxecto Amorodo?

Amorodo é unha iniciativa dos concellos de Ames, Rois e Dodro para a promoción da agricultura sustentable nas comarcas da Amaía e do Sar.

O proxecto, cofinanciado pola Deputación Provincial da Coruña, iniciouse no ano 2006 e ten unha vixencia de tres anos, un período ao longo do cal se irán encadeando as accións de captación de participantes, formación e promoción precisas para o desenvolvemento do proxecto.

Amorodo ten por obxecto o fomento sustentable da produción e do consumo de alimentos sans desde o ámbito local e mediante un proceso de formación e práctica que integre sectores como a xuventude e as mulleres do rural, ademais de promover o compromiso e a participación doutros colectivos susceptibles de interviren no desenvolvemento sostible deste espazo xeográfico. Persegue, ademais, o establecemento dunha relación directa entre o produtor e o consumidor, unha forma de volver aos mercados tradicionais garantindo a calidade dos produtos.

A pesar da súa proximidade física, os concellos promotores de Amorodo posúen unhas características ben diferenciadas no que respecta á súa estrutura económica. Mentres que en Ames, de hábitat rururbano, a presenza do sector terciario é maioritaria fronte á das actividades agrícolas e gandeiras, estas seguen tendo un peso notable na economía de Rois, concello que presenta un importante grado de envellecemento e despoboamento. Dodro, pola súa banda, asiste a unha importante perda de poboación empregada na agricultura e, en consecuencia, a unha evidente substitución do sector primario polo sector servizos.

Tendo en conta isto, e tamén que a análise da poboación desempregada destes tres concellos reflicte a falta de incorporación da muller ao traballo –sobre todo en Rois e Dodro– Amorodo define como beneficiarios preferentes deste proxecto os sectores da xuventude e a muller. Os obxectivos: evitar a derivación maioritaria da muller cara ao sector servizos, precario xa dabondo, e crear novas alternativas de emprego para a xente nova no rural, freando así o progresivo envellecemento e abandono deste medio.

Amorodo conta na actualidade con preto de 30 produtores susceptibles de se converteren en pequenas empresas centradas nun comercio baseado na relación directa cos consumidores e, debido ao elevado número de persoas interesadas nesta iniciativa, foi preciso ampliar os seus obxectivos territoriais iniciais, pasando xa a unha concepción máis comarcal do programa.

A xestión realízase dende a Axencia de Desenvolvemento Local do Concello de Ames e, desenvoltas xa as fases de formación e promoción, o proxecto centrarase agora nos traballos de produción e comercialización.

Obxectivos


As actuacións que desenvolven os concellos de Ames, Rois e Dodro no marco de Amorodo perseguen os seguintes obxectivos:

  • Acadar un desenvolvemento económico sostible centrado nas producións agrarias e derivadas.
  • Fixar e asentar poboación no rural, apoiando o establecemento nel de xente nova e favorecendo condicións de vida sustentable para as mulleres.
  • Producir alimentos sans e seguros no territorio de referencia.
  • Crear unha rede de mercados locais destes produtos.
  • Fomentar a xeneralización do consumo deste tipo de alimentos en centros públicos, no sector privado e no ámbito do consumo familiar.
  • Promover a elaboración de produtos complementarios á propia produción agrícola.
  • Recuperar e promover produtos locais, e variedades destes, para a súa integración na cadea de valor.
  • Promover actividades novas e complementarias que incidan no fomento do emprego no rural.
  • Valorizar e rescatar o que aínda temos e podemos perder: saberes, sabores, paisaxes, aldeas, labregos e labregas, mercados locais, confianza, calidade de vida...
  • Apoiar a produción de alimentos sans na nosa comarca e promover e posibilitar o seu consumo.
  • Asentar e fixar no noso territorio persoas que se dediquen ao cultivo da terra, á cria de animais e á elaboración de produtos de calidade.
  • Fomentar e recuperar relacións máis directas e humanas entre productores/as e consumidores/as.
  • Educar e incentivar o bo e o ben comer en toda a nosa xente (nas familias, na hostelería, na restauración, nas casas de turismo, nos comedores escolares, nas garderías, nos centros públicos, nas empresas...)
  • Reincorporar a nosa cultura (oral, culinaria, produtiva, artesanal, local, lingüística...) ao día a día.
  • Recoñecer o valor do pequeno e extendelo.
  • Descubrir sen nos podemos alimentar de xeito san, seguro e asequible con produtos da nosa comarca ao longo de todo o ano.
  • Descrubrir se, paralelamente, se crean posibilidades diversas de traballos dignos na nosa terra para as persoas en xeral, e, en particular, para os/as mozos/as e mulleres.
En definitiva, para intentar consegir na nosa comarca un mundo no que as persoas e a terra sexan o mellor valor a coidar e promocionar.

Imprimir Enviar

Concello de Ames Concello de Rois Concello de Dodro Deputación da Coruña